Wednesday 08 de May de 2024

Inés Rey: “A Coruña recuperou a ambición como cidade en 2022”


A alcaldesa destaca a consecución da AESIA como “un triunfo colectivo da cidade que devolve A Coruña á posición de liderado que lle corresponde”

Rey puxo en valor a política do diálogo e do acordo para a consecución das grandes demandas históricas da Coruña, como o tren ao porto exterior, a Intermodal ou o novo CHUAC

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou na recepción de Nadal celebrada esta mañá no Palacio de María Pita que “A Coruña recuperou a ambición en 2022” nun ano que definiu como de “progreso e ilusión” para a cidade, a pesar do complicado contexto económico.

A alcaldesa subliñou que, sen esa ambición, a cidade non tería conseguido ser sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) e agradeceu a todas as institucións e axentes económicos e sociais o seu traballo para logralo. “É un triunfo colectivo que será un elemento central no modelo de futuro que defendemos para A Coruña, e que nos permitirá recuperar a posición de liderado que nos corresponde”. Rey, que fixo balance do ano que remata, puxo en valor a aposta polo diálogo, o acordo e a amabilidade para a consecución de grandes demandas históricas da cidade, como o tren ao
porto exterior, a Intermodal ou o novo CHUAC, “asuntos cruciais que se van desbloqueando e facendo de novo da Coruña unha cidade atractiva para o investimento”.

A rexedora repasou tamén as principais actuacións levadas a cabo nos barrios para a recuperación de espazos para a cidadanía, como a ronda peonil ou as políticas a favor dunha mobilidade máis sostible, destacando que “as políticas de humanización non teñen volta atrás”.

Subliñou, ademais, a aposta do Goberno municipal neste ano pola recuperación dos símbolos da cidade como os cabaliños de Méndez Núñez ou o Obelisco Millenium, e o compromiso social como base das “políticas municipais de progreso”.

Por último, Rey lembrou o impulso cultural dado polo Goberno municipal á cidade, recuperando Riazor trinta anos despois para concertos, con cifras récord de asistentes ás festas de María Pita, e a aposta por volver a facer da Coruña un destino turístico de referencia que levou a medios turísticos especializados a recoñecer A Coruña como “destino imprescindible”.

Ao acto asistiron máis de 300 persoas pertencentes a diversas institucións, así como en representación do tecido económico e social da cidade.